NOVA PROGRAMACION BAR LICEUM DE MARZO A XUÑO 2.014 |
Ola a tod@s: Aquí estamos unha vez mais para presentarvos unha nova programación que comeza o sábado 22 de Marzo e remata o sábado 21 de Xuño. Como sempre moita variedade folk, tango, hip-hop, rock, canción de autor, fado, electro, indie, cine, humor, etc. sábado 22 Marzo / 23.30 h 6 € / 3 € (soci@s) Un espectáculo de narración oral que se leva transformando nos últimos quince anos acomodándose ás circustancias ambientais, inclemencias do clima, ás experiencias persoais do artista e aos terrores mais íntimos do público. O espectáculo criase a partir de estorias da tradición oral que se deformaron pouco a pouco, na xira mundial inacabada na que Quico Cadaval traslada aos públicos dos catro continentes as estórias da sua terra natal para comprobar se son universais. Antes de chegar ao Liceum do Porriño, e a modo preparatorio, Quico Cadaval paseou os seus fantasmas por festivais tan importantes como o de Bucaramanga en Colombia, Déjame que te Cuente, en Lima, Festival de Teatro de Almada, en Portugal, Festival Iberoamericano de Teatro de Bogotá, A Feira do Libro da Habana, A leitura de El Quijote no Círculo de Bellas Artes de Madrid en España, Maratón dos Contos de Guadalajara, tamén en España, na Fundaçao Gulbenkian en Paris, en prestixiosas universidades de Alemaña, Polonia e Portugal, e tamén na de Santiago. Transitan espectros, valentes, milagreiros, peixeiras, mariñeiros, mitos do rock, líderes relixiosos, taberneiras, reis, golpistas, presos, adiviños, sicarios, prostitutas, axentes da orde, industriais, cantores melódicos, gandeiros, mais non é seguro que se aparezan todos. gl.wikipedia.org/wiki/Quico_Cadaval sabado 29 de Marzo / 23.30 h 8 € / 5 € (anticipada) / 4 € (soci@s) Bravo Fisher! Presenta El valle invisible un segundo álbum que el sente como se fora o primeiro, que contén 10 hits que buscan aproximarse ao pop perfecto a través de bonitas melodías, estruturas clásicas, ritmos bailables e traballadas letras en castelán. Nos agradecementos do disco aparecen estas palabras: “A todo el que se atreve a salir ahí fuera, sin esperar volver. Al que sabe volver. Y, sobre todo, a los olvidados”. Home orquestra posmoderno, Bravo Fisher! Toca sintetizadores, guitarras, baixos e ukelele conseguindo cancións emocionais e emocionantes sustentadas por unha voz persoal e inconfundible. A súa música móvese con forza e vitalidade entre o electro, o indie e o pop máis fresco. Gravado nos estudios Rec Division de Madrid con Carlos Calderón (experimentado produtor de bandas como Cycle, Ellos, After After Hours, The Zombie Kids, etc), as certeiras cancións de El valle invisible responden a un concepto: contan a viaxe iniciática dunha persoa que se vai de casa na primeira canción e na última volve para redimirse. O protagonista desta historia contada en 10 capítulos é unha especie de antihéroe, cun pasado dramático, que loita por atoparse a si mesmo a través desta viaxe; dubida, ten medo, pero segue avanzando. Algo así como unha mezcla entre Quijote e Odiseo pero situado no 1939. Bravo Fisher! Comezou a súa carreira gañándoo todo en 2011 coa súa primeira maqueta: Nº 1 para a revista Mondo Sonoro, nº1 no concurso 43 Music polo que Nacho Vigalondo lle dirixiu un videoclip, nº1 no concurso do Arenal Sound, o festival musical máis masivo de España, e grazas ao cal tocou ante 50.000 persoas no fin de festa do festival. Trala publicación do seu primeiro álbum We were overnighters, ficha por Subterfuge Records en 2012. Aínda que este non é realmente o principio… Guillermo Galguera sempre quixo facer música. Cando os compañeiros d grupo que tiña no instituto decidiron que este lles quitaba tempo para dedicarle ás súas noivas, trala conseguinte decepción, Guille decidiu intentalo en solitario. Unha tarde, mentres vía Academia Rushmore, a película de Wes Anderson, fíxose a luz : o protagonista, que se apelida Fisher, recibe un agasallo no que pon: “Bravo Alan!”... El sentiu eses ánimos que precisaba e así naceu: Bravo Fisher!: O 'do it yourself' que termina en aplauso xeral. www.youtube.com/watch?v=nT6NsXMaucE https://www.facebook.com/bravofisherbravo sabado 5 Abril / 23.30 h 6 € / 3 € (soci@s) Narf Trío presenta o disco-libro Nas tardes escuras (El Patito Editorial 2013), o máis recente traballo discográfico de Fran Pérez "Narf", no que o cantor e compositor explora a poesía de Rosalía de Castro dun xeito innovador. O grupo, que ofrece un directo fresco e contundente con L.A.R. Legido na batería e Alberte Rodríguez "Ho Chi Ming" no baixo, interpreta a Rosalía desde a linguaxe electrificada do rock cunha visión contemporánea e enérxica dos textos da poetisa. O lanzamento deste traballo tivo gran repercusión na prensa, na radio e na tv, con críticas moi favorables. Xornais como El País (Alfonso Pato), La Voz de Galicia (Camilo Franco) e La Opinión (Óscar Losada) verten cualificativos como: “...Rosalía soa dolorida pero desafiante...”, “...pequena xoia musical...” e “...Narf é un dos creadores musicais máis interesantes do panorama musical galego...” respectivamente. As súas versións eléctricas e rockeiras dos poemas da máis universal das escritoras galegas xa as presentara, polo que ten de libro, na Feira do Libro da Coruña, e no Festival da Luz, en Boimorto, foi a súa estrea musical en público. www.franpereznarf.com www.youtube.com/watch?v=eHk1izBlxwg sabado 26 Abril / 23.30 h 6 € / 3 € (soci@s) Begoña Riobó é, actualmente, a violinista con maior proxección no panorama musical galego. Cunha destacada traxectoria artística, na que formou parte das bandas de Carlos Núñez, Susana Seivane, Anxo Lorenzo ou Sondeseu, preséntase como a primeira violinista folk galega en liderar o seu propio proxecto. Un proxecto no que se pon de manifesto o seu compromiso coa música de Galicia pois trátase de un repertorio netamente galego. Begoña Riobó é unha artista integral, que ademais do violín, domina á perfección instrumentos como a zanfona e arpa céltica, da que é mestra na escola de música tradicional “e-Trad”, en Vigo. Begoña é ben coñecida nos principais festivais internacionais, nos que ten tocado en numerosas ocasións con Carlos Núñez, Solas, The Chieftains, Sondeseu, Anxo Lorenzo, Susana Seivane e unha longa lista de grandes artistas. No 2013, entre outros concertos e festivais realizados, Riobó foi cabeza de cartel o día 12 de xullo no Festival do Mundo Celta de Ortigueira, compartindo escenario con grupos da primeira fila internacional e poñendo a bailar a miles de persoas nunha noite máxica. Riobó é o nome do grupo de Begoña, e tamén o título do seu primeiro traballo discográfico, que se caracteriza polo virtuosismo dos seus músicos á hora de arranxar e interpretar melodías da tradición galega, sendo fieis ás súas formas e orixe. Deste xeito, cada concerto convértese nunha mostra de sensacións, ademais dunha explosión de enerxía, onde conviven as raíces culturais máis puras con fórmulas interpretativas actuais. Acompañando a Begoña, en Riobó atópanse catro recoñecidos músicos cunha sólida traxectoria, habituais nos principais proxectos musicais de Galicia. Son Fernando Barroso (Guitarra), Marcos Campos (gaita, acordeón e frautas), Xosé Liz (bouzouki) e Fernando Pérez (Frautas e requinta). Marcos Campos, (gaita, acordeón e frautas). Formado como gaiteiro con mestres do talle de Xaime Estévez, Antón Corral ou Carlos Núñez, tomou parte en numerosos proxectos da época máis prolífica do folk galego. A súa experiencia como gaiteiro, e mestre de gaita, levouno a colaborar con The Chieftains na súa xira europea do disco Santiago. Fernando Pérez (frauta e requinta). Cunha sólida traxectoria no mundo da música tradicional, Fernando ten colaborado con grupos de primeira liña como Xarabal ou Berrogüetto. Actualmente é frautista titular da Orquestra Folk Sondeseu. Xosé Liz (bouzouki). Un dos músicos máis activos do panorama folk galego. Produtor, compositor e arranxista, domina con mestría os instrumentos de corda e as frautas de traverso, instrumentos dos que é mestre na escola de música tradicional e-Trad, en Vigo. Fernando Barroso, (guitarra). Un dos novos valores da música galega, cunha prometedora carreira baseada nun xeito vangardista de entender o acompañamento nos instrumentos de corda. A súa xuventude contrasta coa implicación deste músico en numerosas formacións de proxección internacional como Assembly Point ou Anxo Lorenzo. www.begoriobo.com venres 9 Maio / 23.30 h 4 € / 3 € (anticipada) / 2 € (soci@s) Baldosa Amarilla nace no Porriño, en Agosto de 2005. Dende a súa fundación a banda estivo constituida por Frus (Voz), Jose Núñez (Guitarra), Iago Bastos (Guitarra), Gatsby (Guitarra e Coros), Alex Crende (Baixo e Coros) e Moses (Batería). Pouco a pouco comezan a definir un son propio, Pop Rock Alternativo con letras en castelán. Aparece a súa primera maqueta Palabra Exacta, e pouco despois a segunda Alquimia, autoproducida e gravada en Océano Estudios por Javier Abreu (Los Piratas, Boikot, Siniestro Total...) onde van demostrando a evolución dun conxunto que continúa madurando. Con máis de 100 concertos ás súas costas, subíndose ao escenario con bandas como os Sunday Drivers, Rosendo, Sinkope, Los Secretos, Los Limones e Los Suaves, teñen percorrido boa parte da xeografía galega e española. No 2011 e titulado La colisión invisible y otras historias del paseo por el interior de uno mismo, Baldosa Amarilla presenta un novo traballo que ten a peculiaridade de estar feito exclusivamente con amigos, Marcos Legazpi e JazzT encárganse da produción e Saúl Patiño da masterización. Lévaos a gañar por segunda vez o premio á Mellor Creación Musical da UVigo, unha segunda nominación a mellor maqueta nos premios MKEG de Los 40 Principales, ser finalistas do Airiños de Rock&Roll e o certame Monkey e no BandsConverters. O seu videoclip, Desequilibrio foi gañador do Concurso de Videoclips do Festival de Cans 2012 e foi emitido por Sol Música a través do seu concurso de videoclips. No 2013 volven visitar as capitais galegas mentres compoñen o seu novo traballo. Durante este ano, para o seu novo traballo, volven traballar con Marcos Legazpi e inclúen a Isaac Palacín, co que xa compartiran dedicatoria no discolibro María Fumaça. Pero esta historia aínda segue a escribirse e este particular camiño segue a ser percorrido, como sempre, acompañados de amigos. www.facebook.com/baldosaamarilla sábado 10 Maio / 23.30 h 10 € / 8 € (anticipada) / 5 € (soci@s) Maria do Ceo, corpo de muller, e alma de Fado. María do Ceo converte en vangarda o máis tradicional, e o vangardista en fado. Sensible, coa sinxeleza reflectida na soidade dun máximo de dous instrumentos por peza, coa súa inconfundible voz que traspasa ventrículos e miocardios ata a profundidade da alma (xusto ao carón de onde se agachan as bágoas), cada canción parece estar rechea por unha orquestra sinfónica. María do Ceo é fado en estado puro, actualmente está considerada unha fadista tradicional, polo que nalgúns medios de comunicación xa a consideran a sucesora de Amalia Rodrigues, tanto no estilo, como na interpretación. María do Ceo, cando canta transmite melancolía, dozura, paixón, tenrura, todos os ingredientes para ser unha boa intérprete de fado, porque realmente ela é: Corpo de muller e alma de fado. Din dela os críticos, que María do Ceo, nos achega o fado como ata agora ninguén fixera antes. Pero María do Ceo, non só canta fado, tamén canta bolero cun dramatismo que lembra á gran Chavela Vargas. Unindo as súas múltiples influencias ao sentir portugués e á dozura natural do idioma galego, dotada de cualidades vocais excepcionais, envolve de inmediato ao público nun ambiente máxico coa musicalidade arrepiante que lle brota da alma. Cunha sólida carreira internacional ten sido recoñecida e condecorada como embaixadora da cultura galega no mundo ten sempre o fado como inspiración primordial. No 2001 foi convidada para participar no primeiro e grande homenaxe póstumo á persoa que máis influiu no seu xeito de cantar, Amalia Rodrigues, deixando extasiado ao numeroso público presente no Coliseo de Lisboa. Asistir aos concertos de María do Ceo, significa mergullarse emocionalmente nun ambiente musical eclíptico pero familiar, de enorme beleza, onde entendemos de inmediato a identidad cultural lusogalaica. O propio Mendez Ferrin di dela: “... serenidade, dozura, vigor interno, emoción sostida, é o que as cancións de María do Ceo, nos transmiten.”. María do Ceo, provoca ondas de fervor na alma, pronuncia con mimo as verbas, vitaliza o seu contido semántico e espreme para o público o zume de todo o poema. Usa a súa voz como vehiculo para transmitir emocións e sentimentos, pero sen aspaventos nin demasiados alardes, sempre na súa xusta medida, cunha sabedoría que dá a experiencia e o saber medir o propio instrumento, cunha voz cálida e suave nalgúns momentos e doce e melancólica noutros. María ten un xeito de cantar único e tan seu de entender a canción galaicoportuguesa que xa é un selo que a fai diferente a moitas outras cantantes do xénero. A traxectoria musical de María do Ceo, aínda sen aparecer nas listas dos máis vendidos, ten datos que refrendan a súa proxección internacional. O fado é un dos xéneros musicais que máis sentimento deixa saír na voz de quen o canta, e María do Ceo, é unha das interpretes deste estilo que máis soubo evolucionar. Ten cantado en España, Portugal, Alemaña, Francia, Suiza, Italia, Alxeria, Exipto, México, Uruguai e Arxentina. E entre os seus traballos discográficos: Cartas de amor (1997), Vellas Lembranzas (1998), Al rescate del alma (2001), Fado e outras músicas (2003), Panxoliñas,Villancicos (2005), Dúas almas do miño (2006), Tan lonxe (2007), No bico un cantar (2008), Celme encantado (2010) e Fado com outro acento (2012). www.mariadoceo.com sábado 17 Maio / 23.30 h 5 € / 2,5 € (soci@s) García Mc (Ghamberros, Dios Ke Te Crew, Labregos do Tempo dos Sputniks...) está a presentar o seu Abaixo e De Pé (Vir.) un traballo no que amosa amor e rabia, unha mirada rebelde e zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra. Será este un concerto de ritmo e oralidade, no que camiñaremos por Ordes, o Bronx ou a Selva Lacandona, acompañado por DJ Mil, todo dende un posicionamento claro: Abaixo, e de pé. García Mc comeza rapeando letras propias con 13 anos, directamente influenciado por unha das bandas fundacionais do Rap en galego: 5 Talegos. Ao pouco, aínda na adolescencia, pasa a formar parte do proxecto musical rapeiro Ghamberros, editando un traballo discográfico en 2004 ao remate desta aventura. Existía xa, sen embargo, dende o 2003 o Colectivo Hip Hop Dios Ke Te Crew, García é un dos seus fundadores, intégrano Ghamberros así como boa parte de 5 Talegos, sumándose nos seus espectáculos tódalas vertentes da Cultura Hip Hop: Breakdance, Graffiti, Dj´ing, Beat Box... Con DKTC editáronse ata o momento catro traballos discográficos: Xénese 2006, Adianto/Maxi: Chove 2010, Humanose 2011 e Dez 2013. Actualmente participa activamente tanto en Dios Ke Te Crew como no proxecto de "Foliada Rap and Punk" Labregos do Tempo dos Sputniks, leva ademais case unha década impartindo Obradoiros e Cursos sobre Cultura Hip Hop/Rap principalmente para adolescentes, sobre todo para equipos de Normalización Lingüística en centros formativos pois García entende o Hip Hop como ferramenta de transformación social, de empoderamento. Musicou poemas de Celso Emilio Ferreiro en clave rapeira. Formou parte da Radio Kalimera (a radio libre de Compostela) ou da Banda Fura Fura (Homenaxe ao Zeca Afonso) ten participado ademais en diferentes mesas redondas e coloquios como defensor da Cultura Libre. A título individual levou o seu Rap en Galego a lugares como Copenhangue, Guiné-Bissau, Portugal e México. Ou a Cuba e boa parte do estado español con DKTC. Participa así mesmo en ducias de discos de grupos eclípticos da música galega contemporánea. Recentemente edita Abaixo e de pé (García Mc. VIR. 2012). Neste EP García mostra amor e rabia nunha mirada rebelde e zapatista que conduce a través dos ciclos naturais: a expresión das loitas de abaixo, as apegadas á terra. É un traballo de artesanía feito localmente e que respira globalmente. Todas as letras son propias, agás o poema Amor e sangue en Chiapas de Lois Pereiro. Colaboran ademais neste disco curto entre outros Lengualerta o artista mexicano, amigo persoal de García, con quen compartiu travesías musicais por México, Galiza ou as Illas Azores. “Rúa arriba e rúa abaixo faise o camiño” di o García, co oficio da palabra consciente expresándose arredor da alegría e o amor, do sangue e de Chiapas que influencia claramente o seu último traballo. E con toda a xente anónima que fai a digna historia dos pobos, a que non sempre está escrita e todo isto cun posicionamento claro: Abaixo, e de pé. www.youtube.com/user/chultatic/videos http://garciamc.bandcamp.com mercores 28 Maio / 22.00 h 3 € / soci@s gratis A edición do Festival de Cans deste ano é a undécima. E como cada ano o Bar Liceum volve proxectar as curtas gañadoras. Unha oportunidade para poder velas no caso de non telas visto durante o festival. Esta proxección é realmente o peche do Festival de Cans ata a tempada seguinte, a última oportunidade de sentir o espírito do Festival de Cans ata a vindeira edición. www.festivaldecans.com/festival2/index.php/gl sábado 31 Maio / 23.30 h 6 € / 3 € (soci@s) Formación que leva en activo 25 anos de xeito ininterrompido, foi creada no ano 1988 arredor da figura de Artigas Anelo, bandoneonista do grupo e fundador do mesmo. Ao longo destas dúas décadas o grupo evolucionou pasando de ser un trío (bandoneón, piano e contrabaixo) a consolidalo como cuarteto coa incorporación do violín. O repertorio de Tangata é xa moi extenso, contando na actualidade con máis de 100 temas para os que Tangata conta con arranxos feitos exclusivamente para este cuarteto. Nos seus concertos o grupo fai un repaso pola historia do tango e interpreta dende os temas máis clásicos de músicos como Eduardo Arolas ou mesmo Gardel ata os máis modernos e innovadores do gran bandoneonista Astor Piazzolla. Tamén durante este tempo existiu unha parte de investigación e creación e Tangata conta con temas de creación propia. Tangata ten participado en importantes Festivais de Música e Certámenes de Tango de gran proxección internacional e ten recibido moi boas criticas e louvanzas, sendo considerado un dos grupos de tango máis importantes da Península Ibérica e ocupando un lugar destacado nas formacións que se dedican a este xénero en toda Europa. Nestes 20 anos de traballo Tangata editou tres cedés. O primeiro deles Como en octubre foi gravado dez anos despois da súa creación no ano 1988. Logo deste primeiro traballo discográfico o grupo meteuse de novo no estudio para gravar Trece. O seu traballo máis recente, Calambre, foi gravado en 2007 e viu a luz un ano máis tarde, a comezos de 2008. O cuarteto Tangata está composto por: Artigas Anelo. Bandoneonista uruguaio cunha longuísima traxectoria como músico de tango tendo tocado con algunhas das máis importante orquestras de Montevideo e acompañando a algún dos máis importantes cantantes de xénero; chegou a ser requirido por Mario Camus como asesor cinematográfico para unha película deste, La vieja musica. No ano 2005 foi invitado pola Orquesta Sinfónica de Montevideo a participar nunca serie de concertos dedicados ao tango. Laura Quintillán. Violinista tamén uruguaia que ten a honra de ser fundadora do grupo Milladoiro. Foi becada pola UNESCO e obtivo varios premios de Concursos de Xuventudes Musicais e na embaixada alemana en Uruguai. Na actualidade é profesora no Conservatorio Superior de Música de Vigo logo de exercer esta actividade nos Conservatorios de Santiago e A Coruña. Alberto Vilas. Pianista e actualmente exerce a súa actividade no Conservatorio de Pontevedra, logo de facelo nos de Lugo e Vigo. É xunto con Artigas Anelo un dos membros máis antigos de Tangata. Estudou piano e composición no Conservatorio Superior de Vigo e ten gravado cedés de musica de cámara e composto e gravado música para varios documentais. Moi interesado no jazz. Gustavo Adolfo Barcia. Contrabaixo. É o ultimo en incorporarse a Tangata facéndoo no ano 1998. É un musico incansable que participa e colabora con todo tipo de formacións tocando moi diferentes xéneros que poden ir da clásica ao folk. E por suposto ao Tango. Desenvolve unha importante labor pedagóxica nas Bandas-Escolas de Música. Estudou contrabaixo no Conservatorio Superior de Vigo e na actualidade é profesor no Conservatorio de Ourense, séndoo con anterioridade no Ferrol. https://gl-es.facebook.com/tangata.cuarteto sábado 14 Xuño / 23.30 h 10 € / 8 € (anticipada) / 6 € as 25 primeiras entradas / 5 € (soci@s) El Niño de la Hipoteca despídese da súa Guitarra. A última acción de El Niño de la Hipoteca en internet, #OperaciónGuitarra deu moito que falar. Despois dun contratempo, a guitarra que lle leva acompañado toda a súa carreira, gretouse dun xeito insalvable e un bo día comentoulles aos seus seguidores que iría subindo un vídeo semanal para, co diñeiro que paga Youtube pola publicidade, poder costear unha guitarra nova. Un 'crowdfunding' moi peculiar que, en lugar de pedir cartos, pedía visitas. Tal foi a resposta do público que en poucos meses os seus sucritores do canal Youtube empezaron a multiplicarse e acabou conseguindo un ratio de visitas moi alto, e a día de hoxe segue medrando. Actualmente está moi preto de conseguir esa ansiada guitarra nova. A guitarra vella en cambio sufrirá un destino máis que digno, ser sorteada entre todos os seus suscritores, e como nunca máis será tocada por el en directo, ¿que mellor que despedila como merece?, cunha xira. Nesta xira non estará só porque o acompañará 'el Ratón Avatar', a persoa que está detrás da cámara nos seus vídeos, para gravar todo o que pase na xira e ir subindo material durante a mesma! En pouco tempo, el Niño de la Hipoteca pasou de ser un fenómeno 'underground' a un nome que goza de gran cantidade de seguidores e que a case todo o mundo “lle soa”. E cando non se teñen altos orzamentos, o boca-orella funciona como un alude se hai algo de calidade debaixo dun fenómeno. Sen dúbida algunha as cancións cargadas de ironía, tenrura e intelixencia que el Niño de la Hipoteca compón non deixan indiferente a ninguén. A súa primeira aparición televisiva foi no prestixioso programa de Jordi Évole, Salvados no que Guiu (o nome que hai debaixo da máscara hipotecada) tocáballe unha canción a Ramoncín, un gracioso 'popurrí' no que demostra que en só 4 acordes caben os grandes éxitos do pop español. Con dous discos nas súas costas, Que te Vaya bien (2009) e Mi novia de 2ºB (2011), e un terceiro de grandes éxitos reversionados (Gratis Hits, 2012), 'El Niño' ofrecerá unha xira co seu formato orixinal, a guitarra e voz e deixa aparcada a nova banda que lle adoita acompañar, Los Ratones, onde destacarán novas pezas que constituirán o seu cuarto disco que sairá en outubro deste ano e cancións inéditas que teñen aparecido na Operación Guitarra. https://twitter.com/nendelahipoteca www.facebook.com/pages/EL-NI%C3%91O-DE-LA-HIPOTECA/58639151709 www.youtube.com/user/ndlhrecords www.xn--elniodelahipoteca-ixb.com sábado 21 Xuño / 23.30 h 5 € / 2,5 € (soci@s) Cantata Vernácula son Suso Vaamonde e Xoán Porto. Este dúo, creado no ano 2009, pretende, ante todo, divertir a calquera tipo de público, por medio do acordeón, a zanfona e a voz. O seu programa está integrado tanto por temas populares galegos, como por temas propios, todos eles arranxados polo dúo cunha estética actual. Entre bromas, anécdotas e explicacións, este dúo consegue achegar o noso folclore a tódolos públicos dun xeito orixinal, ameno e divertido. www.merlobranco.com/merlo_branco_producions/Cantata_Vernacula_-_galego.html http://www.youtube.com/watch?v=6s6STvKhvJE Continuamos a campaña Queda No Porriño dende 35 euros persoa en habitación individual ou dende 30 euros persoa en habitación dobre ofrecémoste unha noite en hotel de 3 estrelas con almorzo e aparcamento (Hotel Parque), unha cea con 2 pratos, postre bebida e café,(restaurante Celtiña) , a entrada para o concerto e unha consumición no Liceum. Podes plantexarnos o que te gustaría e farémoste un rápido e marabilloso orzamento para que te quedes no Porriño. Unha aperta moi grande. Paco Quintas P.D. Axuntámosvos o cartel e o tríptico. |
he querido crear este blog para uso y disfrute de todos,colgare carteles de conciertos,enlaces para descargar discos,y videos,mios,de grupos y cualquier cosa relacionada con el metal,webs oficiales de grupos,revistas,blogs etc
domingo, 16 de marzo de 2014
NOVA PROGRAMACION BAR LICEUM DE MARZO A XUÑO 2.014
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario